Tuesday 17 de September de 2024

Agrupacións de Arxentina, México e Corea do Sur participan desde hoxe no Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña


A alcaldesa, Inés Rey, recibiu ás formacións e destacou que o certame “é un dos eventos máis especiais e imprescindibles das Festas de María Pita”

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá no palacio municipal de María Pita ás catro formacións que participarán desde hoxe e ata o domingo 11 no Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña. Trátase do Ballet de Arte Folclórico Argentino (Arxentina), Sun A Arts Company (Corea do Sur), a Compañía Nacional de Danza Folclórica (México) e a Asociación de Coros e Danza Eidos (A Coruña). A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o presidente de Eidos, Javier Carro.
“Este Festival Internacional de Folclore é, sen dúbida, unha das citas máis especiais e imprescindibles das nosas Festas de María Pita”, sinalou Inés Rey durante a súa intervención. A alcaldesa destacou o importante papel a prol da “diversidade e a promoción do patrimonio cultural internacional” que ten este certame, que celebra a súa edición número 37 neste 2024. “Durante uns días os coruñeses e coruñesas terán a oportunidade de coñecer a esencia de diferentes culturais, as súas costumes, traxes, vestimentas e tradición oral e musical”, dixo Rey.

O Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña celebrarase entre hoxe, mércores 7, e o domingo 11 ás 20.00 horas no escenario da praza de María Pita. Alí, as diferentes compañías levarán a cabo actuacións de media hora nas que amosarán a súa tradición cultural. Ademais, cada día a partir deste xoves, ás 19.15 horas, levaranse a cabo actuacións en diferentes puntos da cidade para animar aos coruñeses e coruñesas a asistir a María Pita.

A alcaldesa entregou durante a recepción oficial un agasallo a cada compañía, ao igual que fixeron estas co Concello. Rey quixo tamén felicitar á Asociación de Coros e Danza Eidos polo seu traballo na organización deste certame.

Programación por días

Mércores 7
∙ Gala inaugural. Praza de María Pita. 20.00 horas. Participarán todas as formacións. Xoves 8
∙ Actuación no Cantón Grande de México e Corea do Sur e na Dársena da Marina de Arxentina, con bailes de 5 minutos de duración. Ás 19.15 horas.
∙ Actuación na praza de María Pita das formacións de México, Corea do Sur e Arxentina. Ás 20.00 horas.

Venres 9
∙ Actuación no Cantón Grande de Arxentina e Corea do Sur e na Dársena da Marina de México, con bailes de 5 minutos de duración. Ás 19.15 horas.
∙ Actuación na praza de María Pita das formacións de México, Arxentina e Corea do Sur. Ás 20.00 horas.

Sábado 10
∙ Desfile de Palexco a María Pita de todas as compañías, con bailes de 5 minutos de duración. Ás 19.00 horas.
∙ Actuación na praza de María Pita das formacións de México, Arxentina e Corea do Sur. Ás 20.00 horas.

Domingo 11
∙ Desfile de Palexco a María Pita con todas as compañías, con bailes de 5 minutos de duración. Ás 19.00 horas.
∙ Gala de clausura na praza de María Pita con todas as formacións. Ás 20.00 horas.